O Pazo do Marqués de Almeiras ou Edificio da Cooperativa

«Este artigo foi publicado polo arquitecto Miguel Silva Suárez no boletín da Asociación de outubro de 2001.»

Estaba situado no número 1 da rúa de San Andrés (ou Estreita de San Andrés), facendo esquina á rúa do Torreiro.
No plano parcelario da Coruña a escala 1:2.500 do ano 1875 representábase o soar no que se ubicaba o pazo, indicándose que o edificio tiña unha altura duns 8,35 metros ata a cara inferior do teito do piso alto e unha superficie na súa planta baixa de 1.839 metros cadrados. No dito plano se facía constar a máis, que a fachada encontrábase en un bo estado de conservación e, pola contra, o embaldosado da rúa de San Andrés fronte ao edificio, só en regular estado.
Ocupaba esta casa unha posición moi salientada na esquina de dúas rúas; a de San Andrés que percorre en sentido lonxitudinal o istmo coruñés e a do Torreiro, que vencella a esta coa rúa Real, outra das máis antigas rúas da cidade e eixo de comunicación, tamén lonxitudinal, entre a cidade tradicional ou Cidade Alta ou Vella e o barrio da Pescadería.
As lonxitudes ou frontes da fachada eran duns 30 metros na rúa de San Andrés onde o pazo tiña a súa entrada principal e doutros trinta metros na rúa do Torreiro. A máis o soar urbano no que se ubicaba non estaba ocupado pola edificación na súa totalidade, xa que na súa parte interior tiña unha importante extensión de patio duns 40 x 21 metros, é dicir, 840 metros cadrados de superficie que estaban adicados á corte dos cabalos, entrada de carruaxes e servizos da mansión, dependencias que gozaban dun acceso directo dende O Torreiro a traverso dunha porta duns dous metros de largo entre dúas alas do edificio.
Segundo o historiador coruñés D. Emilio González López na súa obra «Galicia bajo las luces de la Ilustración»: «…en el siglo XVIII y en la Pescadería coruñesa se construyó en la Estrecha de San Andrés, el palacio del Marqués de Almeiras, que sirvió de cuartel general al mariscal francés Soult, los días que se detuvo en A Coruña, después de la derrota del ejército inglés de Sir John Moore en la Guerra de la Independencia.»

Carlos Martínez Barbeito y Morás

Por outra parte. D. Carlos Martínez-Barbeito y Morás no seu libro «Las Reales Proclamaciones en La Coruña durante el siglo XVIII» fai unha referencia de grande interese dende o punto de vista da descrición arquitectónica do edificio -ao non se conservar na actualidade ningún plano de planta do mesmo- relatando que o Rexedor (ou Concelleiro) D. Antonio Suárez de Mondragón, Marqués de Almeiras e capitán da Arma de Artillería, xunto con tamén rexedor D. Antonio María de Lago, foi o comisionado designado polo Concello para os actos e festas de proclamación de El-Rei Carlos IV, que tiveron lugar na Coruña no trascurso da segunda quincena de febreiro de 1789 (ano da Revolución Francesa), e que abriu o día 20 do antedito mes o seu pazo da rúa de San Andrés aos convidados a estes actos: «…por no resultar adecuada la humildad y exigüidad de las instalaciones municipales, ofreció un refresco al Ayuntamiento, a las autoridades y personas de representación en el palacio del Regidor Marqués de Almeiras, situado en la calle Estrecha de San Andrés y que, tras servir para distintos usos -cuartel general del Mariscal Soult, sociedades recreativas y culturales y establecimientos mercantiles- fue finalmente demolido hacia 1960.»
Segue describindo Martínez-Barbeito que: «En un salón de este palacio de treinta varas de largo (uns 25 metros), primorosamente iluminado y adornado con los retratos de la augusta rama de Borbón, desde su tronco, el gran Luis XIV hasta nuestros Soberanos, se sirvió un espléndido refresco a más de trescientas personas, acudiendo luego numerosas señoras que tomaron parte en un baile que alegraba una notable orquesta. Hubo helados, sorbetes y bebidas calientes durante toda la noche.»
Outro dos acontecementos memorables que nesta casa tiveron lugar foi que no mes de maio de 1866 e para celebrar o bombardeo do porto de El Callao (Perú) pola escuadra española comandada polo mariño pontevedrés Don Casto Méndez Núñez, instalouse no seu balcón un aparello de arco voltaico do que xurdiu o primeiro raio de luz eléctrica (anterior, xa que logo, en 24 anos, ao que no ano 1890 e xa con lámpadas de incandescencia instalouse para o alumeado do Teatro Principal, hoxe Rosalía de Castro) que viu a cidade da Coruña que alumeou a rúa de San Andrés nas proximidades do Pazo.
Non se coñece o nome do arquitecto que proxectou e dirixiu este edificio; nen mesmo a data da súa construción que se estima contra a primeira metade do século XVIII, máis a importancia do inmoble é sen dúbida grande, polas súas características de situación, capacidade e interese arquitectónico, ás que han de se engadir as circunstancias históricas ás que se aludiu e que amosan que era unha das construcións civís -senón a que máis- no seu tempo e que dentro do núcleo urbano coruñés de finais do século da Ilustración, tiña unhas condicións obxectivas que permitían o seu uso para satisfacer unha grande variedade de funcións; así foi residencia señorial nas súas orixes, sede das administracións militar (do exército francés de ocupación en 1809) e civil (nel estiveron instalados o Goberno Civil da provincia e a Deputación provincial no ano 1850, en locais alugados, antes de se trasladar ao novo Palacio Provincial da rúa Rego de Auga), sede de sociedades («El Casino Coruñés» e «El Liceo Brigantino»), establecementos comerciais (a Cooperativa Mercantil Civil y Militar), etc.; todos estes diferentes usos levados a cabo en axeitadas condicións de seguridade e comodidade.

Edificio da Cooperativa Cívico-Militar no ano 1945

No ano 1874 foi ofrecido o edificio ao Círculo de Artesanos que fora fundado en 1847, por a cantidade de 420.000 reais, máis non se puido reunir a cantidade esixida. Vinte anos máis tarde, dita Sociedade Recreativa e Instructiva volveu a estudiar o seu traslado ao edificio, e de novo tiveron que desistir, esta vez por un informe negativo dun arquitecto, sendo o prezo entón de 150.000 pesetas. Finalmente o inmoble foi adquirido pola Cooperativa Civil e Militar, S.M., que se fundara no ano 1891 por iniciativa dun fato de coruñeses que así adiantábanse a súa época para facer un economato co que obter vantaxosos prezos nos artigos de consumo.
A Cooperativa comezou vendendo comestibles para logo ampliar a tenda inicial con tecidos e confeccións, dispondo na súa última época de perfumería, droguería e comercio de artigos relixiosos. Á dereita da entrada da casa achábase a tenda de ultramariños, á esquerda a de roupa, e debaixo da escaleira estaba o almacén dos embutidos. Na parte traseira tamén foi instalada unha fábrica de chocolate e unha tafona ou forno de pan, que acadaou renomeada sona.
Ó remate da Guerra Civil a Cooperativa comezou a abrir varias sucursais pola cidade; na praza de María Pita, na rúa de Juana de Vega e nos Catro Camiños, editando un boletín de carácter mensual que se distribuía a tódolos seus socios.
Unha vez expostos os feitos históricos polos que pasou a ocupación do edificio, cómpre agora expor as súas características arquitectónicas.
A descrición do amplo salón de planta primeira ou principal duns 25 metros de longo, como se sinalou, e estimando que tivese un fondo duns 12 metros, daríanos para dita dependencia uns 300 metros cadrados de superficie que permitirían aloxar, xa que logo, coa maior folgura aquelas reunións e actos de tipo social ou representativo que en dito cuarto se celebrasen, como xa se dixo coa ocasión da celebración da coroación de Carlos IV, en febreiro de 1789.
Tamén se coñece que tiña unha importante escaleira imperial (de duplo desenvolvemento lateral que remata unha meseta alta) de granito, que comunicaba a planta baixa coa alta.
As referencias literarias e escritas ou emanadas da tradición oral son moi importantes xa que son as únicas que se refiren ao interior do edificio, e non foi posible achar ningún plano das plantas do mesmo, xa que, con toda probabilidade non se conservan hoxendía debuxos destas.
Os únicos documentos gráficos de que se dispón deste inmoble son dous, ámbolos relativos ao seu interior, e consisten nunha fotografía do mesmo tomada no ano 1945, dende a rúa Ancha de San Andrés e onde reflíctese a esquinada casa coa rúa do Torreiro, e no alzado da fachada principal á primeira das nomeadas rúas.

Plano da fachada no ano 1911

Este plano que permítenos coñecer o aspecto que tiña o edificio hoxe desaparecido está levantado polo arquitecto de orixe alavés e afincado na Coruña e que foi arquitecto municipal D. Juan de Ciórraga e Fernández de la Bastida, foi subscrito o día 5 de xuño de 1911, como plano da fachada actual desta casa, para formar parte dun Proxecto de Reforma da mesma encargado pola propiedade de entón (a Cooperativa Militar e Civil).
Na «Explicación» ou memoria do proxecto aludido faise constar que a fachada do edificio en estudo aínda que de sillería e de sólida construción, non respostaba aos fins da Sociedade Mercantil instalada no inmoble e co obxecto de atender este requerimiento, e tamén de amosar ao exterior o destino que se da ao edificio (interesante observación, engadimos pola nosa parte, que amosa un criterio que hoxe poderiamos cualificar de «funcionalista», é dicir, expresar coa súa envolvente exterior o novo contido e uso do edificio), pretendíase para maior axeitamento e representació no novo uso, levar a cabo nunha serie de reformas na fachada principal e nas cubertas da construción que entón estaban en moi mal estado de conservación.
Estes traballos de modificación e reparación consistirían de xeito principal en converter as dúas ventás centrais de planta baixa en portas de entrada a dous diferentes departamentos comerciais: os de víveres e perfumería, deixando a porta central para o seu acceso directo á escaleira que conducía á planta principal e tendo comunicación as tres portas exteriores que se sinalaban co vestíbulo común que existía no andar baixo.
Outras modificacións proxectadas consistirían en reducir a lonxitude e máis o vó do balcón, o tapiado de catro ventás do piso alto e o rasgado das luces que daban sobre as portas laterais dispoñendo nos ocos novos balcóns, así como reducir tamén o vó de cornixa cortándoa no seu centro para deixar espazo para dispor un tarxetón no que iría o título da Sociedade, e asímesmo en alzar en dita parte central un frontón ou peineta para a colocación dun reloxo.
Rematábase a «Explicación» sinalándose que se empregarían no muro da fachada existente os mesmos materiais que entraban na súa composición actual e, nas partes novas coma o frontón, fábrica mesta con revestimentos de cemento imitando á sillería de pedra.

Pedro Mariño Ortega

A licenza para a execución das obras foi solicitada o día 26 de xuño de 1911 polo Xerente da Cooperativa Militar e Civil D. Francisco Ponte y Blanco. O arquitecto municipal D. Pedro Mariño sinalou no seu informe de data 31 de xullo de 1911 que as obras que se proxectaban facer en canto á fachada «constituyen una reforma de cierta importancia que cambiarían el aspecto del edificio», expresando tamén que o mesmo estaba suxeito a un novo aliñamento, tanto pola fachada principal como mesmo pola da rúa do Torreiro, ocupando unha situación onde o ensanche facíase xa moi necesario, ao se incrementar de xeito considerable o tránsito e dificultarse a circulación libre, sobre todo desde o establecemento do tranvía urbano (unha das liñas máis importantes do percorrido: San Amaro – Catro Camiños, discorría pola rúa de San Andrés fronte ao edificio do pazo).
Malia esta obxección de tipo urbanísitico (hai que ter en conta que o novo aliñamento a ámbalas rúas que conformaban a esquina foi recollido no Plano de Aliñamentos de 1949, con fachadas dos edificios asoportalados nas súas plantas baixas e concretouse logo nas construcións de vivendas e comerciais que substituiron á casa-palacio no ano 1961), o arquitecto municipal pronunciouse, en definitiva, pola concesión do permiso para a reforma solicitada, permiso que foi outorgado polo Concello o 9 de agosto de 1911.
Sen embargo, as obras que afectaban á fachada principal non foron levadas a efecto, limitándose soamente aos traballos de limpeza, encintado e tomado con cemento dos desconchados da fachada, pintando ademais as portas e ventás e colocando peches metálicos en dous dos escaparates do piso baixo, nunha intervención semellante ás disposicións hoxendía vixentes que obrigan aos propietarios a conservar as fachadas dos edificios nas axeitadas condicións de seguridade, limpeza e ornato público para acadar unha boa apariencia urbana.

Plano da reforma da fachada de 1911

O plano da fachada a escala 1:100 levantado en xuño de 1911, como representación do seu «estado actual», amósanos un edificio de dous corpos ou plantas de altura, con tódolos seus ocos (portas, ventás e balcóns) e elementos decorativos (molduras, cornixa, recercados, zócalo, etc.) que amosan precisamente unha sinxela pero sutil composición, cunha moi coidada xeometría e racionalidade, cun corpo baixo máis macizo con sete ocos e un segundo corpo ou piso alto con once vans, e xa que logo, máis leve e de meirande lixereza polo grande número de ocos de ventás e balcóns abertos na parede da fachada e a unha reducida separación entre os mesmos. A fotografía da que se dispón mostra que no corpo baixo realizáronse obras nos ocos que alteraron o aspecto orixinal da fachada en 1911, para converter as ventás de planta baixa en escaparates e vitrinas de exposición da Sociedade Cooperativa, abríndose ademais unha nova porta, facendo así que a planta baixe ficase con oito vans no canto dos sete primitivos.
A parte alta, polo contrario, non foi modificada segundo nos demostra dita fotografía ao comparala co plano. Soamente e de salientar neste corpo alto a colocación de dous soportes de ferro fundido ancorados na fábrica de sillería do muro da fachada para pendurar os puntos de luz eléctrica, soportes dun claro deseño modernista na súa variante estilística xeométrica ou ?sezessionista ? vienesa? e que incorpora ao elemento vertical suxeito á parede as gráciles curvas das que penduran o foco ou luminaria, enlazadas co ?petaso? (chapeu de copa baixa e con ás) e o ?caduceo? (vara ou cetro) atributos clásicos do deus Mercurio, que integrábanse á forma dun elemento funcional como simbólica representación da actividade comercial que se desenvolvía no interior do edificio na súa derradeira etapa de vida.
A fotografía amosa tamén dende o punto de vista no que foi tomada a esquina coa rúa do Torreiro cunha fachada lateral na que os ocos que nela abren son máis escasos tamén na planta baixa que na superior, e que ten a súa superficie recebada con morteiro de cal a nivel da rúa, mentres que o corpo alto tiña sillería de pedra á vista, o que viña a sinalar a menor importancia representativa desta fachada secundaria con claro descenso da xerarquía expresiva en relación co frente principal, xa que logo concretada na simplificación dos elementos decorativos e de remate superficial, xa que nesta parte do edificio situáronse na súa orixe as estancias de servizo do pazo, cortes dos cabalos, acceso de carruaxes e dos criados, etc., e era a zona que envolvía e separaba da rúa Torreiro o grande espazo libre ou patio central da casa.

Demolición do edificio en 1959

E para rematar, hai que sinalar que este edificio de traza barroca tardía que chego ata os 200 ou máis anos de vida, quedou legalmente condenado a morte coa aprobación do Plano Xeral de Aliñamentos da Coruña de 1949, condena á desaparición por derrubamento que exactamente foi executada unha década máis tarde, xa que a finca foi mercada por unha empresa de negocios inmobiliarios no ano 1958, levándose a cabo a total demolición do histórico edificio en febreiro de 1959, construíndo no seu solar un edificio de sete plantas para vivendas, oficinas e comercias coa planta baixa asoportalada, e que foi proxectado polos arquitectos Sres. Rey Pedreira e González Cebrián, subsistindo ainda na actualidade e que foi comezado o 20 de xuño de 1959 e rematado o 18 de marzo de 1961.
A Sociedade Cooperativa amosou o seu interese por conservar a fachada de sillería e ofreceulla ao Concello da Coruña pero o repentino pasamento do alcalde D. Alfonso Molina Brandao a fins de novembro de 1958 en Brasil, botou para abaixo a idea do seu posible traslado á Cidade Vella, na Praza de Azcárraga, como se tiña entón falado.

A casa gótica ou Pazo do Conde de Maceda

Con este artigo do arquitecto Miguel Silva Suárez iniciamos a edición neste blog dunha serie que, sobre arquitectura desaparecida na cidade da Coruña, ven publicando no noso boletín cultural desde o ano 2001. Este, o primeiro, foi publicado en xaneiro dese ano.

Cancelo. Fachada do Paseo do Parrote (c. 1930)

Estaba situado no número 18 da rúa do Parrote, facendo esquina ao Paseo do mesmo nome, fronte onde estivo ubicada a antiga Cárcere Real, hoxe o complexo hosteleiro e de ocio «A Solana» e «Hotel Finisterre», a carón do edificio da Capitanía Xeral.
Foi a antiga casa-pazo do Conde de San Román, e dende a desaparición no ano 1870 das casas sitas na Porta Real, ata o ano do seu derrubamento, 1936, o único edificio gótico de arquitectura civil que houbo na Coruña.
As súas orixes están a fins do século XV e se sabe que foi a sede da Intendencia Xeral de Galicia dende que foi creada esta institución no ano 1716. Consérvase no Arquivo do Servizo Histórico Militar un debuxo dunha das súas fachadas realizado a mediados do século XVIII, debuxo que foi reproducido en varios libros, entre istos, na Xeografía do Reino de Galicia de Carreras Candi, sendo a representación gráfica do edificio máis antiga da que se dispón.
Logo foi a casa señorial do Conde Maceda e no ano 1882 sede do Asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados establecidos nesta data na Coruña, ata que se trasladaron ao novo edificio proxectado polo arquitecto D. Juan de Ciórraga na rúa de Adelaida Muro sobre 1898. No ano de 1883 a recén inaugurada institución caritativa foi visitada pola raíña María Cristina esposa do Rei Alfonso XII, con gallo da inauguración do camiño de ferro Palencia-A Coruña, e concedeu ao asilo un importante donativo en metálico e mesmo pagou a instalación dunha cociña para o servizo dos alí acollidos.
No tempo no que o edificio foi derrubado pertencía ós Vizcondes de Fefiñáns que ostentaban tamén o condado de Maceda.

Blanco. Vista da fachada do Parrote en 1928.

Segundo o arqueólogo D. José María Luengo Martínez o edificio coñecido como a Casa Gótica era excepcional e belísimo e o máis importante da provincia coruñesa dentro do estilo oxival de finais do século XV. Tiña unha planta de forma rectangular e con tres andares de altura na rúa do Parrote, con soportais no baixo de cinco arcos rebaixados que foran cegados mediante o tabicado dos vans correspondentes. Sobre este corpo de planta baixa había unha ampla solaina con arcos iguais aos anteriores e que tamén foron cegados. No terceiro corpo ou andar abríanse sete fiestras, dúas delas xemelgas cos seus arquiños conopiais. O conxunto desta fachada dividíase en cinco eixes de simetría, separados por columnas adosadas. Ao lado esquerdo do corpo antes descrito erguíase a torre, pouco máis alta que o resto da construción, tamén sobre unha planta rectangular; a súa fachada lateral constaba dun corpo baixo porticado, con dous arcos apuntados equiláteros ?algo máis alto o do lado esquerdo- que se sustentaban sobre impostas molduradas, que así mesmo foran tabicadas, e enriba á esquerda levaba un escudo de armas protexido por un tornachuvias. Nos outros dous corpos altos, non dispostos a eixe, había sendas fiestras; a do primeiro andar alintelada e a segunda cun arco rebaixado. A fachada que facía fronte ao Paseo do Parrote tiña na súa planta baixa un arco apuntado que coincidía cos outros dous do pórtico, aínda que era máis baixo que istos, e unha portada, de arco rebaixado, que semellaba reformada, seguía un entrechán con dúas fiestras. No seguinte andar abríase unha fiestra alintelada con tornachuvias e, no último, outra alintelada tamén co seu arco de descarga.

Ruth M. Anderson. A casa gótica en 1924

A súa altura era duns once metros ata a casa inferior do último andar, e tiña una superficie en planta baixa de 289,20 metros cadrados. No ano de 1874 o seu estado de conservación estaba xa cualificado de ruinoso.
No mes de setembro de 1925 o arquitecto D. Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, redacta un proxecto de reforma da planta principal da casa número 18 da rúa do Parrote e na que se pretendían executar lixeiras reformas para formar dúas vivendas independentes no que naquel tempo era unha soa.
Grazas ao citado proxecto é posible ter hoxendía unha imaxe gráfica da fachada constituida polos planos arquitectónicos do edificio na derradeira etapa da vida da casa antes do seu derrubamento e desaparición.
No plano de planta da reforma pódese observar que as dúas partes da edificación orixinal, a torre e o edificio da rúa do Parrote, uniránse para formar unha vivenda, se ben conservando as escaleiras de comunicación vertical que correspondían a cada unha das partes que en principio eran independentes, diferenciadas e xa que logo, con accesos separados.
Se coñecen tamén planos das plantas baixas e principal, con toda probabilidade do ano 1935, no que se proxecta unha nova organización espacial do interior do edificio, cunha única escaleira para servir ás dúas vivendas da planta baixa, e dispoñendo en dito nivel unha vivenda e dous garaxes na zona da torre da esquina.
Nembargantes, ningunha das obras proxectadas que se describiron chegaron -polo que se coñece- a realizarse, e, pola contra, no mes de setembro do ano 1935 redáctase o proxecto dunha construción enteira de nova planta, de baixo e catro andares, con dúas vivendas por planta no solar resultante do derrubamento da casa número 18 da rúa do Parrote, na planta correspondente ao Paseo da Dársena e do Parrote, e en decembro do mesmo ano se confecciona o proxecto doutra casa para baixo e catro andares cunha vivenda por planta, no solar que ficaría baleiro logo do derrubamento da casa número 18 da rúa do Parrote, adosada ao número 16 de dita rúa.

Debuxo do alzado no proxecto de restauración. Paseo do Parrote.

Por unha carta do arquitecto Sr. Rodríguez-Losada Rebellón, proxectista do novo edificio, carta datada o 28 de novembro de 1935, sábese que «a casa antiga» como en dito documento se denomina ao pazo dos Condes de Maceda, estaba entón en moi mal estado, aínda que non comezara o seu derrubamento.
A nova da próxima demolición da Casa Gótica provocou un grande escándalo provocou un grande escándalo entre a «xente culta e sensible» e a Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos comezou a actuar de contado, xa que, de feito, o edificio vendíase por unha cantidade dunhas 60.000 ptas., tratando dende o 6 de decembro de 1935 que a Deputación Provincial e o Concello, a partes iguais aportaran dita cantidade, para que unha vez mercada a vella casa, o Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes arbitrara os fondos necesarios -que se estimaron nunhas 25.000 pesetas- para atender aos gastos da súa restauración co propósito de que instalase no edificio o Museo Provincial de Arqueoloxía e Belas Artes, do que tan necesitada estaba a cidade, xa que, por entón, era a única capital galega que carecía del.
Malia as laboriosas xestións levadas a cabo durante todo o mes de decembro de 1935 e xaneiro de 1936, pola citada Comisión Provincial de Monumentos, e as boas promesas e esperanzadoras palabras das autoridades responsables da provincia e da cidade, e mesmo o forte impacto social que causou nos medios culturais o anuncio do derrubamento de contado do seu máis estimado exemplar da arquitectura civil -único de tal antigüidade, século XV-, as obras de derrubamento ao abeiro das correspondentes autorizacións municipais, deron comezo o día 15 de febreiro do ano 1936, e aínda que suspendidas provisoriamente a finais dese mes polo Alcalde, foron logo continuadas polo contratista D. Hilario Herranz Sacristán, que ao cabo rematou completamente os traballos de demolición nos primeiros días de marzo de 1936.
A polémica e o debate social suscitado pola demolición do máis sobranceiro monumento arquitectónico de carácter civil da Coruña durou a través do longo período de construción dos dous novos edificios que o substituíron no seu privilexiado emprazamento, xa que pola circunstancia da coincidencia deste proceso coa Guerra Civil española, comezada en xullo de 1936, este non rematou ata logo de concluida a mesma, xa a principios da década dos anos corenta.
Nun terreo anecdótico, o derrubamento da Casa Gótica, foi coñecido durante moito tempo como «O Atentado» e o arqueólogo e historiador coruñés Ángel del Castillo denegou o saúdo -co que esta descortesía entón representaba- ao arquitecto das novas obras o Sr. Rodríguez Losada, que era curmán do propietario.

O machado votivo de Cariño

«Información tomada da ficha do Museo Arqueolóxico»
Procedencia: A única referencia precisa ás circunstancias do seu achado é “entre unhas pedras”, o día 14/07/1961, na praia de Basteira, Cariño, A Coruña.
Material: Bronce.
Cronoloxía/época: castrexo?.
Dimensións: 6,5 cms de ancho e 16,8 de longo. Peso: 173 gramos
O machado presenta dous aneis, posiblemente de suspensión, na parte traseira do fío, e outros dous de menor tamaño preto do extremo proximal. O mango, de sección romboidal con esquinas arredondadas, remata polo extremo da folla nunha forma esférica e no cabo contrario nun prótomo de touro. Entre os dous aneis menores, na parte superior da folla do machado, represéntanse un torques dun lado e, do outro, un disco con mamilo no medio, detalle que lembra as rodelas incrustadas nos torques de tipo “ártabro” da ourivería castrexa.
Notas:
Esta peza estivo na exposición: “Galicia Terra Única” (Lugo, 17/06- 17/10/1997).
Bibliografía:
La Voz de Galicia, 30/06/1963; Luengo, J.Mª: “Machadinha votiva de Cariño (La Coruña)”. Revista de Guimarâes, LXXIV, nº1-2, 1964, pp. 149-157); “Machadiño votivo de Cariño”, Diapositiva, Postales Fama, nº 7, Vigo; Guía General del Museo Arqueológico e Histórico “Castelo de San Antón”, A Coruña: 19; Arias Vilas, F. 1997: “La cultura material galaico-romana”. En, Catálogo de la Exposición Galicia Terra Única, Vol. I, “Galicia castrexa e Romana”. Xunta. Santiago: 229, Foto. Rodríguez Colmenero, A.: “Escultura en relevo e vulto redondo”, en Galicia-Arte, Ed. Hércules, T.IX, p.437. Catálogo Exposición “Galicia Terra Única”, tom

O celtismo en Galicia

Este artigo foi publicado orixinalmente en castelán en dúas partes, por Amando Baños Rodríguez nos boletíns 15 e 16 do ano 2008.

Nicolai Abilgaar. Ossian

As elites políticas e culturais e os medios de comunicación de que dispoñen desempeñan un papel clave na invención e reinvención das nacións. Entre un amplo número de posibilidades (cultura dos castros, celtas, romanos, suevos…), os construtores dunha identidade nacional en Galicia elixiron con preferencia a celta. Neste traballo tratamos de botar luz sobre o motivo desa elección.
Nos últimos anos a idea dunha Galicia celta seguiu arraigando a nivel popular

mentres que a nivel histórico e científico foise poñendo cada vez máis en dúbida.
Vexamos brevemente como se formulan hoxe en día eses dous puntos de vista a través de dous coñecidos autores:
O historiador Antonio de la Peña Santos é un dos representantes da corrente que se opón á idea dunha Galicia céltica:
«El mito del celtismo gallego, aunque ya presente en cierto modo en algunos escritores de la Ilustración, fue inventado por los autores de la corriente historiográfica romántica, a lo largo de la segunda mitad del siglo XIX, con el fin de dotar a estas tierras y a sus gentes de unos antepasados puros y gloriosos que les hiciesen sentir el orgullo de ser gallegos, y al tiempo, de unas señas de identidad que les permitiesen, por un lado, marcar sus diferencias con el resto de la población peninsular -preferentemente con la de Castilla-, y por otro unirse a otros pueblos atlánticos también de presunta etnicidad céltica, también de religión católica y también sojuzgados por potencias extranjeras: Irlanda, Escocia, Bretaña? La cosa funcionó a pesar de su claro carácter de falsificación histórica, y aún hoy el popular celtismo galaico es mantenido y defendido con decisión en ciertos ambientes ideológicos muy poco progresistas”.
Observemos agora a opinión do escritor e ensaísta Suso de Toro sobre o mesmo tema:

Suso de Toro

«Así aprendimos que os nosos antepasados non eran celtas, non; eran unha cousa rara e distinta para os que lle houbo que inventar un nome, ben feo: os «castrexos». Non poño en dúbida os rasgos específicos da cultura dos castros do NO peninsular, mais arrancalos do contexto da civilización indoeuropea á que pertencen, é pura ideoloxía. É puro odio de colonizador. As culturas do bronce e do ferro das distintas áreas teñen rasgos específicos, mais a ese continuo de tecnoloxías, formas e sustratos lingüísticos os europeos chamámoslle celtas. ¿En toda Europa se lle chama celtas, excepto na Galiza. ?
¿Por que non habemos rir todos de todo? En todo caso teño moi claro que o anticeltismo que subxace nos libros de texto nos que educan aos nosos fillos, e co que abren a nosa prehistoria, é un combate ideolóxico iniciado na posguerra contra a construción dunha prehistoria propia, contra Cuevillas. O anticeltismo é un componente especifico para Galiza dunha ideoloxía integrista: o españolismo castellanista».
Como vemos a polémica sobre a importancia dos celtas na historia de Galicia aínda non está concluída e seguirá vixente durante moitos anos.
Ademais continuamente xorden novas publicacións que volven poñer en dúbida as teorías existentes, como sucede cun recente libro de Bryan Sykes, profesor de xenética humana da Universidade de Oxford que considera que a maioría dos habitantes de Gran Bretaña e Irlanda son de orixe celta e chegaron por mar dende a península ibérica ás illas entre o 5000 e o 4000 A.C.
Neste traballo ímonos limitar a ver como xurdiu en Europa e en Galicia o interese polo celtismo entendido como explicación da orixe de diversos pobos e nacións e como se foi estendendo e asentando como un dos grandes mitos dos últimos tres séculos.
INICIOS DO CELTISMO:
En 1708 o abade bretón Paul-Yves Pezron publicou en Francia, a obra “Antiquité da nation et da langue des celtes». A teoría de Pezron, en liñas xerais, defendía que os franceses descendían dos celtas, pobo glorioso e heroico.

Casco celta. Museo Diocesano de Tui.

Nela estuda a lingua que aínda se falaba en Bretaña, chegando á
conclusión de que se trataba da continuación directa dos antigos
galos e destacaba -sen falar aínda dunha lingua “celta”- as semellanzas entre esta e o galés.
O seu maior mérito foi que, traducida ao inglés, foi lida polo galés Edward Lhuyd, quen se inspirou nela para o seu “Archaeologia Británica», obra inacabada que marcou o destino do celtismo moderno. Lhuyd foi o primeiro que utilizou o termo colectivo “celta” e o que, ao ocuparse de xeito sistemático da lingua galesa, sentou as bases para os estudos de lingüística e antropoloxía celtas.
Pezron afirmaba que os celtas descendían directamente de Noé a través do seu neto Gomer, fillo de Japhet, por iso inicialmente recibiron o nome de gomarianos ou gomaritas e máis tarde acabarían recibindo o nome de celtas ou galos que significa «homes valerosos».
Neste punto, temos que recordar que para os cristiáns a historia se volvera escribir a partir de Noé pois ao Diluvio só sobreviviron Noé, os seus tres fillos, e as esposas de todos eles.
O Xénese 10:1 di: “Esta é a descendencia dos fillos de Noé: Sem, Cam e Jafet, dos cales naceron fillos despois do diluvio. Fillos de Jafet foron Gomer, Magog, Madai, Javan, Tubal, Mesec e Tiras.»
O Xénese 9:27 dinos que Jafet foi o terceiro fillo de Noé, e foi bendicido por este despois do Diluvio, prometéndolle unha longa descendencia, que se identifica coa raza branca. Sem e Cam serían, respectivamente, a orixe dos pobos semitas e africanos.
Non nos debe sorprender o interese por Jafet e Gomer xa que ao igual que os israelitas se senten descendentes de Isaac e os árabes de Ismael, os cristiáns tamén necesitaban unha figura bíblica para xustificar a súa expansión. Xa Alfonso X na súa Crónica Xeral, 3 (c.1270), sinalara: «De Gomer, fijo de Japhet, uinieron los que poblaron Galacia, e fueron por end llamados gallogreci».

Girodet. Ossian recibe as almas dos heroes mortos pola patria.

O MITO DE OSSIAN E O “RENACER DOS CELTAS”
O Tratado de Unión con Inglaterra de 1707 concitou o rexeitamento de amplas partes de Escocia, especialmente das Terras Altas que tiñan uns intereses económicos diferentes ás Terras Baixas, as cales mantiñan unha relación moito máis fluída con Inglaterra.
O 16 de abril de 1746, na batalla de Culloden, as guerras xacobitas escocesas supuxeron o fin dos antigos clans gaélicos.

Memorial da batalla de Culloden

Trala definitiva caída dunha Escocia independente chegou o momento de descubrir a vida arcaica das Terras Altas escocesas. O home que o conseguiu cun éxito contundente foi o poeta escocés James Macpherson (1736-1796).

Os escoceses, humillados, despois de ser aniquilados como Estado, puxéronse a buscar elementos de identidade nacional e empezaron a poñer de moda o antigo.
Entre as lendas máis populares de Irlanda e Escocia encontrábase a figura de Ossian (Oisin, en irlandés), fillo de Figal, héroe irlandés (Fionn Mac Cumhail). Ossian é, na mitoloxía irlandesa, un bardo gaélico, do ciclo de Fenian, do III século d.C. É o bardo que narraba gran parte do ciclo. Macpherson representouno como un vello poeta cego que canta no castelo derruído do seu pai.
A lenda dicía que Ossian viaxara á terra da eterna xuventude e que ao regresar puidera comprobar que o seu pai había tempo que morrera e que Irlanda estaba a converterse ao cristianismo.

James Macpherson retratado por George Romney

James Macpherson recuperou a figura de Ossian coa publicación en 1760 de «Fragments of Ancient Poetry collected in the Highlands of Scotland» afirmando que os traducira de manuscritos gaélicos.
Os Fragmentos foron considerados restos auténticos da antiga poesía celta e foron recibidos con grande entusiasmo. Todo o mundo os lía e admiraba e o ambiente literario quedou conmocionado.
Como se pensou que se poderían recuperar outros poemas, púxose en marcha inmediatamente unha subscrición para que Macpherson puidese deixar o seu emprego como preceptor nunha familia e puidese percorrer as Terras Altas e as Illas recollendo o resto do que se cría unha tradición épica gaélica, antes de que desaparecese de todo. Macpherson, xunto cun amigo máis versado en gaélico ca el e varias cartas de recomendación dirixidas aos nobres residentes nas Highlands, viaxou por estas facendo dúas viaxes, un a principios do outono de 1760 e outra a finais da primavera de 1761, recollendo textos manuscritos e anotando cancións de fontes orais.
Con eses materiais e unha ampla «reconstrución creativa» presentou, en 1762, despois do seu regreso a Edinburgo, a primeira parte do resultado da súa misión nun libro titulado «Fingal, an Ancient Epic Poem, in 6 books; together with several other Poems, composed by Ossian, the son of Fingal; translated from the Gaelic». Estes poemas foron recibidos aínda con maior alborozo e convertéronse nun best seller do seu tempo. A demanda das súas obras foi inmensa e a fama de Macpherson como tradutor e sabio estendeuse rapidamente non só por Gran Bretaña senón por toda Europa.
Ao ano seguinte, en 1763, publicou «Temora, in eight books, with other Poems, by Ossian”. Tivo tamén unha boa acollida aínda que non co mesmo grao de entusiasmo que tiveran as obras precedentes xa que se empezaba a estender a sospeita sobre a autenticidade destas poesías.

Obra de James Macpherson.

Seguiu publicando traducións durante os dous seguintes anos, que tiveron varias edicións, culminando o seu traballo coa edición da colección completa, «The Works of Ossian», en 1765.
Macpherson foi apremiado para que mostrase os manuscritos orixinais e como non podía achegar probas claras insistiu en que reproducira vellos textos gaélicos escritos despois de séculos de tradición oral. Un dos primeiros en sospeitar sobre a verosimilitude dos textos foi Samuel Johnson (1709-1784), que na súa obra “A journey to the Western Islands of Scotland?, publicado en 1775, narra como descubriu que a poboación era case analfabeta aínda que existise unha forte tradición oral. Chegou á conclusión de que MacPherson creara Ossian utilizando vellas baladas mesturándoas coa súa propia imaxinación. A polémica continuou ata principios do século XIX, con discusións sobre se os poemas se baseaban en fontes irlandesas, en fontes escritas en inglés, en fragmentos gaélicos refundidos no texto de Macpherson como concluíu Samuel Johnson ou en tradicións orais en gaélico escocés como afirmaba o propio Macpherson.
As discusións sobre a autenticidade estendéronse durante 60 anos despois da súa publicación. Converteuse nun tópico de conversación en círculos privados e os defensores e detractores da obra enleáronse en ásperas disputas.
A pesares de que a verdade nos é descoñecida, os estudosos modernos tenden a crer que Macpherson recollera realmente baladas gaélicas de Ossian, pero que as adaptou á sensibilidade contemporánea, alterando o carácter e as ideas orixinais e introducindo moito material propio. Moitos opinan que a cuestión da autenticidade non debería ocultar o mérito artístico e o significado cultural dos poemas xa que o interese por Ossian se estendeu por toda Europa. Verdade ou mentira o que non se pode negar é o grande impacto de Ossian na formación do romanticismo.

Cartel da Ópera Norma de Rafal Olbinski.

Dende entón a celtomanía xa non se detivo. En Inglaterra fundáronse ordes druídicas, que facían fantasiosas celebracións do solsticio no supostamente céltico Stonehenge. E a moda estendeuse rápidamente a outros países. Un dos produtos desa moda foi a ópera de Vincenzo Bellini, “Norma”, estreada en 1831 na Scala de Milán onde figuran todos os tópicos do celtismo: os druídas, os bosques sagrados, os bardos, as sacerdotisas, os guerreiros galos, a pedra sagrada, o visgo e a cacharela.
Mentres tanto en Alemaña, Johann Gottfried Herder, amigo de Goethe, escribiu un ensaio titulado “Extracto dunha correspondencia sobre Ossian e as cancións de antigas xentes”, nos inicios do movemento «Sturm und Drang» (tempestade e ímpeto), movemento literario que anticipaba o romanticismo ao reclamar unha concepción nacional para a arte e reivindicar a exaltación do individualismo e os sentimentos como fonte de inspiración. Desenvolveuse durante a última metade do século XVIII sucedendo e opoñéndose á Ilustración alemá ou Aufklärung e constituíndose en precedente do posterior Romanticismo. Trátase dunha reacción contra o que era visto como unha excesiva tradición literaria racionalista.

Retrato de Herder.

Herder, ao igual que moitos outros, cría na autenticidade dos poemas de Ossian, deixouse influír por Macpherson e converteuse en admirador das obras de Shakespeare ao que consideraba un revolucionario xa que rompera cos moldes clásicos do teatro afastándose do canon establecido de espazo, tempo e acción.
As obras de Ossian traducíronse moi pronto a case todos os idiomas europeos e tiveron numerosas edicións.
Inspiraron artistas por todas as partes e animaron outros escritores a buscar en Alemaña e Escandinavia o seu pasado nórdico o que empezaron a considerar tan digno de louvanza como o pasado romano e grego. Mesmo atraeu a atención de Napoleón do que se di que levaba a tradución italiana do libro con el nas súas campañas.
Tampouco os pintores foron alleos a esta moda e entre os cadros máis coñecidos figuran o do pintor danés Nicolai Abildgaard, «Ossian» (1782), o de François Gerard, «Ossian evoca as pantasmas ao son da súa harpa” (1801), o de Girodet, “Ossian recibe as almas dos heroes mortos pola patria” (1801) e os de Ingres, «O sono de Ossian”, (1813) e “As cancións de Ossian» (1811-13).

Ingres. As cancións de Ossian.

A obra influenciou moitos escritores, incluíndo a un mozo Walter Scott (1771-1832), a Lord Alfred Tennyson (1809-1892) compositor de baladas inspiradas no mito de Ossian e a J. W. von Goetthe, cuxa tradución dunha parte das obras de Macpherson figura nun dos libros máis importantes do prerromanticismo, “As desventuras do mozo Werther» (1774). Nela o personaxe Werther afirma que  «Ossian desprazou no meu corazón a Homero».

Esta última obra foi a primeira novela representativa da literatura alemá moderna e converteuse no modelo de moitas narracións de “Entusiasmo”; fomentou o gusto por “o absoluto”, xa sexa en amor, arte ou pensamento e influíu en todos os escritores contemporáneos.
Herder constitúe un dos piares do movemento romántico, que lle debe algúns dos seus conceptos fundamentais, como o de «Volksgeist» (xenio do pobo), motor e sentido profundo da historia e das expresións artísticas e culturais dos pobos.

Thomas Jefferson (1743 – 1826) o terceiro presidente dos Estados Unidos de América, entre 1801 e 1809, e o principal autor da “Declaración de Independencia dos Estados Unidos” mantivo correspondencia con Macpherson pedíndolle unha copia manuscrita en gaélico dos poemas de Ossian que nunca recibiu.
En Italia Giacomo Leopardi (1798-1837) co “Canto Nocturno dun Pastor Errante de Asia”, bebeu do repertorio de Ossian para extraer temas e suxestións.
En España o primeiro tradutor de Macpherson foi o avogado valisoletano José Alonso Ortiz (Obras de Ossian -1788), logo seguiron Pedro de Montegón («Fingal» e «Temora», 1800) e máis tarde o pai Marchena (1804). Juan Francisco de Masdeu, xesuíta, defendeu na súa «Historia Crítica de España e da Civilización Española» (1790) que tanto iberos coma celtas eran aborixes da Península e que dende ela partiron cara a Europa. Foi o coñecemento de Macpherson no seu exilio francés o que introduciu a Espronceda na estética do Romanticismo. Desta época procede o “Himno ao sol”.
EN GALICIA
Imos referirnos seguidamente ao inicio das teorías celtistas en Galicia e ao seu devir ata principios do século XX.
Nas obras dalgúns eruditos, sobre todo, relixiosos do século XVIII, como Vide, Flórez e na obra de Cornide, aparecen por primeira vez os celtas, pero simplemente como un pobo máis dos que chegaron a Galicia. Ata entón a historiografía tradicional recorrera a heroes troianos, fenicios ou gregos facéndoos fundadores dalgunhas cidades galegas como nos casos de Tui (Tyde) ou Pontevedra (Teúkros).
A incorporación dos celtas como elemento crave para explicar Galicia foi obra do historiador liberal Vera e Aguiar, quen afirmou na súa “Historia de Galicia”, escrita en 1832 (aínda que se publicou en 1838), que Galicia era o auténtico berce orixinario dos celtas, de todos os celtas europeos, ata o punto de soster que “está fóra de dúbida de que os nosos celtas son os antepasados dos francos e non ao revés”.
Era a forma de refutar as teses do catalán Masdeu, que sostivera uns anos antes que os celtas eran orixinarios de Cataluña. A reivindicación do bo nome de Galicia era o obxectivo central da obra de Verea. A partires desta explicación, a identidade galega tivo un compoñente esencial na afirmación de que a súa poboación orixinaria era celta.
Como sinala Alfonso Mato: “A partir de Verea os celtas acadarán unha presenza singular na nosa historiografía e na nosa cultura, e con Murguía pasarán a converterse no mito fundador da comunidade, nun elemento diferenciador esencial da nación galega. Pero serán outros celtas, como outros tamén son os que hoxe están presentes nos libros de historia, porque o celtismo non pode pode ser entendido como un mito unitario que vai pasando dos escritores dun século aos doutro, senón que, como todos os temas históricos, está suxeito a rupturas e continuidades».
Os postulados de Verea serán seguidos case ao pé da letra por Martínez Padín e convertidos en bandeira de reivindicación política por Antolín Faraldo (1842).
Tanto Verea e Aguiar, coma Martínez Padín formaban parte do grupo de intelectuais galegos que neses anos, concretamente en 1840, se unen coa finalidade de lograr o recoñecemento dunha provincia única para Galicia que o ministro Javier Burgos dividira en catro en 1833. Para iso contaron con unha importante rede propagandística formada por unha quincena de xornais que exaltaban os elementos célticos do pobo galego. Historiadores e escritores como os citados e Antolín Faraldo defendían a importancia do celtismo e o druidismo (a relixión dos pobos celtas), acoutaban xeograficamente o territorio da «Céltica Hispánica» ou investigaban as orixes gaélicas do idioma galego.

Antolín Faraldo

Precisamente, Antolín Faraldo, un confeso revolucionario, dirixiu co apoio de varios xefes militares unha revolución galeguista que finalmente foi derrotado e os seus dirixentes militares fusilados o 26 de abril de 1846 na vila de Carral.
Durante eses anos seguen aparecendo outras publicacións que se mergullan na orixe da poboación galega. Así, José Montero e Aróstegui publica en 1858 a súa “Historia e Descrición del Ferrol” e baséase en certos nomes de localidades como Gomariz para chegar á mesma conclusión que Alfonso X ou o abate Pezron en Francia, é dicir, que o noso primeiro antepasado foi tamén Gomer.
O celtismo convértese en doutrina política de base claramente racista en Fulgosio (1865): “…y es injusto e infundado agravio a nuestros padres, que por celtas é iberos eran aryos, el compararlos con el salvaje de América, a quien Dios va haciendo desaparecer de la haz de la tierra. Jamás el americano, salvaje o a medio civilizar, de sangre inferiorísima a la blanca, supo hacer frente con éxito a un puñado de esforzados aventureros europeos; al paso que Roma necesitó su mejor general y más grande hombre, César, para señorear las Galias, hallando increíble resistencia en España, cuya conquista le costó dos siglos y torrentes de sangre!»
Como sinala Peña Santos baseándose en varios autores: «La historiografía romántica gallega se asentará ideológicamente en una búsqueda, consciente o inconsciente, de los fundamentos del hecho diferencial gallego. No se tratará ahora tanto de hacer de la población de Galicia la más antigua de la Península sino que lo verdaderamente importante será que esa población sea diferente, sobre todo frente a la castellana, diferencia que forzosamente habrá de ser de índole racial. Para marcar ese antagonismo se inventará el celtismo, que se convertirá inmediatamente en el elemento nuclear sobre el que se hará pivotar toda la Historia de Galicia» .

Manuel Murguía retratado por Avillón.

Pero serán Manuel Murguía e o «bardo» Eduardo Pondal os verdadeiros impulsores do ideario galeguista de raíz céltico. O primeiro foi quen elevou o hipotético celtismo de Galicia á categoría de auténtico dogma histórico.
Murguía rectificou a Verea sostendo que os celtas non é que fosen orixinarios de Galicia, senón que eles foron os auténticos conquistadores de Galicia, é dicir, que se trataba dun pobo externo, procedente directamente de Europa, que se asentou sobre un territorio ao que logo os romanos chamaron Galicia, en virtude dun proceso de invasión que acabou por someter ao seu ditado a poboación preexistente.
Tal como sinala Ramón Villares: «Para decilo por boca do propio Murguía, «o celta é o noso único, o noso verdadeiro devanceiro». ¿Porqué sostivo Murguía de forma tan rexa a natureza céltica da etnia galega? Desde logo, non foi porque fixese especiais pesquisas de carácter arqueolóxico ou antropolóxico sobre o pasado galego. O celtismo murguiano ten o seu fundamento nos textos de autores grecolatinos e, sobre todo, na influencia que a historiografia francesa exerceu sobre a sua obra, desde os irmáns Thierry ata o conde de Gobineau. Apuntarse a unha explicación racista (no senso máis descriptivo que esta palabra ten no século XIX) das orixes do pobo galego era estar á moda intelectual do momento. …»Os celtas, en tanto que pobo europeu, da familia ariana, emparentaban aos galegos cos pobos máis exitosos da Europa do seu tempo e, sobre todo, establecía unha clara diferencia respecto dos pobos de maioría semita que moraban no resto da peninsula ibérica. Ter aos celtas por devanceiros era dispoñer dun antepasado ilustre e distinto, ademáis de ser claramente superior. Ademáis, era un devanceiro que apenas experimentara mudanzas co paso do tempo, porque, como decote observa Murguía, a fasquía dos paisanos que o patriarca vía nas feiras galegas do seu tempo asemellábase moito á descripción que os textos antigos facían dos celtas.

Murguía, Curros, Carré Aldao, Eladio Rodriguez e outros membros da Academia en 1904.

Gracias ao celtismo, Murguía puido predicar a existencia dunha «nacionalidade galega», que tiña máis semellanzas cos habitantes de Bretaña ou País de Gales, que cos da España mediterránea. O corolario desta afirmación era doado de establecer: as fronteiras políticas establecidas na formación da España moderna non respondían á unicidade étnica dos seus habitantes. Unha parte deles, os de orixe celta eran diferentes e estaban por riba das fronteiras administrativas. A importancia que esta apelación ao celtismo tivo para a formulación da ideoloxía do rexionalismo galego foi enorme, como teñen demostrado os estudios de Máiz e de Beramendi. No texto que escribiu Murguía para refutar as teses antirexionalistas de Sánchez Moguel asevera o noso historiador que os «pobos do noroeste», en razón da sua historia, lingua e sentimentos, constituen unha «nación con caracteres propios, claramente distinta dos que configuran o Estado español».
Influido por “O libro das Invasións”, unha serie de relatos épicos dos heroes irlandeses, Murguía, mergúllase nas tradicións e arqueoloxía galega en busca dunha identidade celta. A súa enciclopédica obra “Historia de Galicia” é unha mostra diso. Para Murguía, os celtas eran a raza superior, a raza aria, creadora da civilización occidental.
Se ben Murguía sinalara en “Os Precursores” que “así como é certo que lingua distinta acusa diversa nacionalidade, así necesítase conservar a súa lingua para que a nacionalidade persevere”.
A pesar da importancia que Murguía lle outorga á lingua, non debemos pensar que esta constitúe o centro da súa argumentación acerca da nación. O eixe da argumentación nacional muguiana é, en realidade, a raza, e dela derivan o resto dos elementos orgánicos que constitúen un pobo, incluído o idioma.
Nos seus estudos cree achar as similitudes lendarias, toponímicas e mesmo raciais de Galicia e outras nacións celtas como Irlanda, Bretaña ou Escocia. Son enormemente interesantes as súas investigacións sobre os parecidos entre os nomes dos lugares sagrados das nacións celtas. No plano arqueolóxico céntrase na similitude de armas ou ornamentos. Deste modo compara, por exemplo, uns torques achados en Galicia con outros expostos no museo arqueolóxico de Dublín. Pero onde pon unha maior énfase é nas crenzas e rituais que aínda hoxe se practican na Galicia rural. Por exemplo, o mito da Santa Compaña, unha comitiva de almas en pena que vagan polos bosques, e que segundo el se repite noutros lugares de forte tradición celta. Tamén a existencia de meigas ou mulleres sabias é para Murguía unha reminiscencia das antigas druidesas.
A idea de Murguía é que os galegos somos celtas que recibimos o reforzo doutra raza aria, a sueva. Fronte aos casteláns que se contaminaron con elementos semíticos, os galegos mantiveron a pureza aria. E é que as diferenzas biolóxicas entre os humanos xeran distintas razas e estas crean a súa propia cultura de acordo coas potencialidades que levan inscritas no sangue. Por iso hai razas e culturas inferiores fronte a razas e culturas superiores, e por iso é tan importante que as razas superiores non se contaminen coa mestura doutras inferiores.
Para Murguía a «celticidad» é o elemento esencial da identidade galega e non se cansa de dar argumentos e xustificacións para apoiar este status especial de Galicia.
En 1888 publica a súa obra “Galicia” onde os celtas ocupan un lugar prominente dedicándolles o Capítulo II da obra. Na súa opinión, Galicia estaría poboada, antes da invasión celta, por cavernícolas semihumanos: «Gracias que sea dado presumir que eran pocos y fueron pronto despojados».
A continuación tivo lugar a fundación da patria galega da man dos celtas arios: «El día en que las tribus célticas pusieron el pie en Galicia y se apoderaron del extenso territorio que componía la provincia gallega, á la cual dieron nombre, lengua, religión, costumbres, en una palabra, vida entera, ese día concluyó el poder de los hombres inferiores en nuestro país».
Seguidamente ve como unha mostra inequívoca do celtismo os monumentos megalíticos: «Todo dice, por lo tanto, que el celta se apoderó de Galicia como verdadero vencedor; esto es, por entero y para siempre. Él cubre durante los siglos nuestro territorio, es su verdadero poseedor: sus hijos acampan todavía en los mismos lugares que ellos le dieron por patria. (?) Los mismos monumentos prehistóricos pueden adjudicársele sin temor, al menos en su mayor parte. Nada hay en nuestra antigüedad que de ella no venga ó con ella no empiece. El celta es nuestro único, nuestro verdadero antepasado».

Castro de Santa Tegra

Cando se refire ás lendas irlandesas di que hai que ter en conta que: «palpita un algo real y efectivo superior a los hechos imaginarios de que se supone derivan. No deben desdeñarse: gracias a ellas sabemos que los conquistadores pertenecían a la raza de Gael, que de las costas gallegas partieron (?)»
En clara sintonía co seu ideario celtista, Murguía será o primeiro en intentar, por todos os medios posibles, facer coincidir a actual localización das principais vilas e cidades de Galicia con antigos asentamentos “célticos”, os castros. Como sinala Antonio de la Peña Santo, á luz da nova ideoloxía, xa non era tan honroso para unha cidade ser fundada por un heroe grego ou un patriarca bíblico; agora era preciso buscar uns fundadores máis acordes coa nova e peculiar forma de ver as cousas. Toda cidade que se prezase tiña que ter o seu pasado celta, e se non había resto ningún que permitise aventurar a presenza dun poblado castrexo -sempre se identificou os celtas cos habitantes dos castros- no seu seo, pois se inventaba e asunto concluído. Isto é, nin máis nin menos, o que fai Murguía con Pontevedra, cando critica a forma en que foi considerada colonia grega: “…tomando a los celenos por helenos, hicieron de una tribu céltica un pueblo griego…”.
Murguía tamén participou na chamada «Cova Céltica». Xurdíu na Coruña, na libraría de Eugenio Carré Aldao e converteuse nun centro cultural que desempeñou un importante papel no proceso de construción dunha identidade galega ao converterse nun activo núcleo de defensa do celtismo. Os seus integrantes apaixonáronse pola mitoloxía, a arqueoloxía misteriosa, o orientalismo ou a busca da Atlántida.
Murguía unía, a súa importante categoría intelectual, o recoñecemento unánime das máis altas institucións galegas cara á súa persoa. Dende o seu posto de Presidente da Real Academia Galega, xunto ao resto dos integrantes da Cova Céltica, institucionalizará o celtismo como unha doutrina indisoluble do seu modelo nacionalista. O e os seus afíns lograrán que o celtismo se oficializase ao entrar a formar parte do himno galego e que se convertese en dogma, símbolo e bandeira de Galicia.
O único que ousou opoñerse a estas teses dende o punto de vista historiográfico foi o historiador Celso García de la Riega que, na súa “Galicia Antiga” escribiu: «La afirmación de que la población primitiva de Galicia anterior a la colonización fenicia, pertenecía a la raza de los celtas, ni aún merece los honores de la discusión por hallarse en pugna no sólo con los elementos históricos y científicos que había cuando ha sido emitida, sino también con los encontrados posteriormente».
Ese mesmo autor, cando volva aparecer a reimpresión do segundo tomo da “Historia de Galicia” de Murguía, volve enfrontarse a el chegando a cualificalo de «historicida»: «Murguía, pues, se ha dedicado a historiador , sin comprender bien la delicada importancia moral de tal sacerdocio y sin poseer todas las facultades y elementos necesarios para cultivar la ciencia. No es de extrañar que haya cometido tantos desaciertos: su desconocimiento de ciertas materias que se relacionan con la historia y su temeridad rebosan en todos los capítulos de su obra»
Nunha páxina riñe agriamente ao malogrado Martínez Padín por cualificar de célticos aos castros e na seguinte di que «con razón se atribuyen los castros a los celtas, a simple vista y aún de memoria, resuelve por adivinación lo que los filológos más esclarecidos encuentran oscuro, y sentencia «velis nolis» cuales gallegos son de raza celta, semita, griega, romana o germánica, pero en otro sitio se encara con el antropólogo Broca y le dice que los caracteres físicos son de más difícil investigación que los lingüisticos, sin perjuicio de ocultarnos cuidadosamente qué condiciones del idioma gallego sirven de fundamento para decretar que en su formación obedeció a las leyes de las lenguas celtas. «Mera palabrería»?
Na poesía galega será Eduardo Pondal (1835-1917) no que deixen máis pegada os poemas de MacPherson e o celtismo de Manuel Murguía, como sucede en «Queixumes dos pinos» (1886).

Eduardo Pondal

Eduardo Pondal identificou ata tal punto a súa patria co fogar de Breogán, que na súa obra apenas aparece o nome de Galicia. Renunciou pronto á súa profesión de médico e dedicouse dende entón á poesía. Na súa cidade natal, a Coruña, na xa mencionada «Cova Céltica», Muguía deulle a coñecer os poemas osiánicos de Macpherson. Pondal viuse a se mesmo no papel de bardo da nación galega, como guía espiritual e intérprete do destino de Galicia: pobo de bardos, froito das mesmas entrañas do heroico e místico patriarca Breogán.
Cunqueiro ironiza sobre esta obra á que cualifica de poemas ossianicos: «Claro Pondal non sabía celta e tiña que inventar nomes para os celtas ¿que fai? colle os nomes das aldeas de Bergantiños, da Terra de Xallas, de Ponteceso, de Carballo, de Camariñas, de Xornes, e estos nomes de lugares, estes nomes de bosques ou estes nomes de montes ou de ríos transfórmaos en nomes de celtas, en nomes de fermosísimas rapazas, em nomes de grandes reises, hai un pinar que se chama Gundar, bueno pois entón vai Pondal e inventa unha fada que se chama Gundar que tem o cabelo de ouro… en fin á parte de mesturar com eles nomes como o de Fingal, um dos heroes típicos dos poemas macphersonianos, e entón de aí vén xa esta incontenible riada: os galegos somos celtas…»
En 1891 tiveron lugar en Tui os primeiros Xogos Florais de Galicia que se denominaron así porque xa non ían ser dunha cidade senón de toda Galicia. Foron promovidos polos rexionalistas galegos e neles propuxéronse utilizar unicamente o galego, mesmo nas conversacións entre eles, aínda que poucas veces cumpriron co que previran.
Nos Xogos Florais da Coruña de 1861 nacera a poesía en galego e nos de Tui naceu a prosa cos discursos de Murguía e Brañas.
Nese momento histórico queremos destacar a importancia que adquirira o celtismo entre os intelectuais galegos do momento.
Murguía no discurso que pronuncia nos Xogos Florais de Galicia o día 24 de xuño de 1891 recorda a figura de Moisés e a chegada á Terra Prometida. «e vede como pasado o noso deserto, xa sona para nos, lonxe, moy lonxe o romor d’as olas d’o mar Roxo; xa temos as táboas da nosa ley e froreceu a vara d’Aaron; xa saímos da casa de servidumbre, no mês da nova colleita; xa estamos ô pe do Xordan, e a nosas tendas levántase baixo o ceo da terra prometida».
Murguía insiste como insistirán os nacionalistas da Xeración «Nós» en ver as diferenzas entre a España celta e a central e meridional. No mesmo discurso sinala que «A nosa poesía ten por musa o sentimento, mentras qué a da España central e meridional, soyo a imaxinación».
Durante ou seu discurso seguirá informando sutilmente os oíntes que o galego é totalmente europeo, a diferenza de boa parte dos españois que aínda seguen influídos pola raza semítica.
«Esta terra aínda xunta por verdadeiro milagre geologico a das islas británicas, tem como xa fixeron nota-los sabios, unha flora e unha fauna europea. E posto que dades, com’é xusto, tanta importancia ô feito da raza e do medio ambiente, confesade que si o home vive na terra que lle compre, sa raza ariana que aquí fixo asento seguéu o país, o home destas terras é por enteiro europeo»
Remata o seu discurso recordando a existencia en Galicia da tumba do apóstolo Santiago que mantén a Galicia afastada das sombras semíticas que aínda se manteñen en España: «Pensemos que n’en valde temos en Galicia os restos daquel celeste guerreiro, enemigo da xente de Mahoma» Homes europeos, homes de Cristo, a victoria está por nos. Os homes do Koran, os semitas que inda erran como sombras po-las terras d’España soyo importan porque son un perigo e un estorbo».

Medalla conmemorativa dos Xogos Florais de Tui de 1891.

O discurso de Murguía foi publicado por varios medios, incluída “La Voz de Galicia” e acadou moito eco en toda España. O gran político e orador Emilio Castelar pronunciou un discurso no Congreso para rebater as afirmacións de Murguía. Vexamos o parágrafo que máis nos interesa:
¡Oh! ¿no da pena ver que en la dulce, blanda, y melodiosa y suave Galicia, tan patriota, tan española, tan enemiga de todos nuestros enemigos, la maravillosa Galicia del Puente de San Payo, de los grandes batallones literarios, de la música y de la poesía del alma, tierra de toda nuestra predilección y de todas nuestras devociones, hay todavía un escritor amigo de los dos, del Sr. Presidente del Consejo y mío, (el Sr. Murguía) un escritor insigne, que nos diga que los gallegos han sido conquistados, que se van a ir con los portugueses y que nosotros somos semitas y árabes que llevamos la cimitarra y que los sometimos por la fuerza, cuando los queremos como hermanos mayores con todo nuestro corazón»?
Por outra parte, a obra gañadora dos Xogos Florais titulada «Desperta» refírese a Galicia e a súa necesidade de que tome conciencia de se mesma, e como non podía ser doutro modo, o seu autor, o escritor e xornalista Eladio Rodríguez González refírese á condición céltica de Galicia.
Vexamos uns versos:
«Céltica inspiración, musa que dórmes
O sono da inominia, acurrunchada
No mesmo leito ond’hoxe s’espriguizan
As nósas máis risonas esperanzas;…?
¡Désperta d’unha ves, céltica musa,
Qu’é tempo xa que despertando vayas!
Desperta d’unha ves, para qu’entros hinos
D’as vencedoras e trunfales marchas
Escoitemol-os cántecos guerreiros
Qu’os indomabres celtas entoaban
No fragor das conquistas viutoriosas…
Un dos principais rexionalistas, Salvador Cabeza de León, le tamén un poema por el composto e o seu tema tamén ten referencias celtas.
¿Qué ten a céltica virxen?
¿Porq u?a todas partes xira
os ollos d?a cór d?o ceo,
a nobre cabeza erquida?
Con estes últimos versos dou por finalizada esta versión sobre o inicio do celtismo en Europa, España e Galicia.
Na medalla conmemorativa dos Xogos Florais de Galicia de 1891, aparece a frase dos evanxeos: «Xorde et Ambula» que dixo Cristo ao resucitar a Lázaro, que sería logo o lema dos rexionalistas galegos e que tomaría Brañas para o seu poema, Coma nos, eles:
¡Ergue, labregol ¡Érguete e anda!
¡Coma en Irlanda! ¡Coma en Irlanda!

 

 

 

O colgante do colar de Elviña

“Información tomada da ficha do Museo Arqueolóxico”
Procedencia: Castro de Elviña (A Coruña).
Material: Ouro/prata.
Cronoloxía/época: Entre S. I a.C. e S. II d.C. Galaico-romana.

Dimensións: 2 cms. de diámetro e 2,5 cms. de alto.
Colgante en forma semellante a un carrete, constituído por tres corpos ben diferenciados, que xunto cóas dóas de ouro (Ref. 115), e a dóa de vidro (Ref. 117), formaría parte dun posible colar articulado. O CORPO SUPERIOR está composto por dous troncos de cono xuntos pola base. O superior está decorado con círculos de filigrana recheos de pequenos gránulos, e o inferior cunha serie de postas de filigrana encadeadas recheas tamén con granulado. O perímetro da unión, de 1,9 cm de diámetro, adórnase cunha triple ringleira de esferiñas soldadas formando cordóns. Separando ó corpo superior do inferior, presenta un corpo cilíndrico ou anel cinguido por tres nervios circundantes paralelos con adorno dentado. O CORPO INFERIOR ten forma troncocónica, sendo menos alto que o corpo superior, pero mais amplo (2 cm). A superficie que conforma o tronco de cono presenta unha decoración a base de postas encadeadas recheas de granulado. Tres nervos paralelos de esferiñas granuladas, limitan a BASE do colgante, a parte mais ornamentada. No centro presenta un glóbulo ou botón enmarcado por dous círculos concéntricos de filigrana, có espacio entre eles recheo de un fino granulado. Ó redor deste motivo, disponse unha roda helicoidal de seis postas entrelazadas feitas con fío de prata, salpicadas con gránulos de ouro e combinadas con calados na lámina de base, que a súa vez está enmarcada por un cordón trenzado de filigrana. Rematando o contorno desta lámina terminal, presenta dous círculos concéntricos de esferiñas.

Notas:
Esta peza estivo na exposición: «El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia», 1995, Museo de Lugo, Diputación/Museo de Lugo (Comisario A. Alvarez Núñez).

Materia: Segundo Luengo (1979: 224) todas as xoias atopadas no castro de Elviña, teñen a mesma lei de 14 quilates de ouro e dez de prata, ainda que non sinala a metodoloxía analítica empregada.

 Técnica: Semella que non está presente a técnica de granulado auténtica, sendo en realidade unha técnica similar mais sinxela que consiste na aplicación de pó de ouro natural cun soplete.

Epoca/Cultura/Estilo: Luengo (1979) opina que a cronoloxía do colar de Elviña debe situarse en torno do século III a.C. pola súa similitude có torques de Vilas Boas e seguindo en parte a opinión de Blanco Freijeiro (1957: 999) de que toda a orfebrería castreña con decoración de grans, glóbulos e filigranas, é posterior ó 300 a.C. xa que imita modelos orientais producidos nos séculos IV-III a.C. Reboredo (1996: 84), considera que é unha producción indíxena e que debe situarse en torno do século IV a.C.

Bibliografía:
Luengo, J.M. 1954-55: “Noticia sobre las excavaciones del Castro de Elviña”. Noticiario Arqueológico Hispánico, III-IV: 213-246, Lam. 9, 11; Monteagudo, L. 1954: “Joyas del castro de Elviña (La Coruña) y soluciones museológicas generales”, Archivo Español de Arqueología, XXVII; Luengo, J.M. 1979: “El Tesoro de Elviña y tres torques coruñeses”. Trabajos de Prehistoria, XXXVI; Fariña, F. 1991: “Tesouro de Elviña”. En, Catálogo de la Exposición “Galicia no Tempo”, Santiago de Compostela; Reboredo, N. 1996: “El tesoro de Elviña“. En, Catálogo de la Exposición “El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia”. Museo, Diputación. Lugo: 71-86; Senén, F. 1996: “Cuentas y colgante de Elviña”. En, Catálogo de la Exposición “El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia”. Museo, Diputación, Lugo: 122; “Tesoro de Elviña”, Tarxeta Postal, Postales Fama, Vigo; “Detalle colgante Elviña”, Diapositiva, Postales Fama, nº 9, Vigo; 1994, Guía General del Museo Arqueológico e Histórico “Castelo de San Antón”. Museo, Concello. A Coruña: 18.

Novo blog da Asociación de Amigos do Museo Arqueolóxico.

Uniciamos un novo blog, aínda que as entradas do vello (con algunha limitación (1)) podémolas seguir, picando no enlace correspondente da páxina web http://www.arqueoloxico.com. ou directamente en http://www.arqueoloxico.com/blog

Os “amigos” que queiran colaborar no blog, daránse de “alta” en “Meta.-Registrarse» na columna da dereita.  Unha vez rexistrados, recibirán no seu correo a contraseña (que poderán cambiar máis tarde no “perfil”), e xa poderán subir artígos a o blog, aínda que a primeira vez, non se publicarán hasta que os aprobe o administrador.
Logo, a entrada á páxina de edición será en “Meta.-Acceder”.
Para publicar unha entrada debedes ir a Entradas.-Crear. Podedes subir fotos (non muy grandes), tendo en conta que as dimensións que se poden publicar no blog (miniatura, media ou grande) non deben superar os 1000 pixels no tamaño grande. Logo pinchando no blog sobre as fotos poderáse ver o tamaño orixinal. As opcions de audio e video están desabilitadas. Pulsar “Publicar”, ou en “Actualizar” si é unha edición, e xa podedes previsualizar a vosa entrada. Podédeslle asignar unha categoría das xa creadas, se no facedes, publicaráse na categoria General.
En calquer momento podedes ir a “Entradas.-Editar”, e modificar as vosas entradas, eso sí, só as vosas.


(1) Por algunha razón na versión vella as veces non se ve a foto directamente, como si o enlace estivese roto, pero podémola abrir nunha ventá emerxente picando sobre o espazo en branco.