«Este artigo foi publicado polo arquitecto Miguel Silva Suárez no boletín da Asociación de outubro de 2001.»
Estaba situado no número 1 da rúa de San Andrés (ou Estreita de San Andrés), facendo esquina á rúa do Torreiro.
No plano parcelario da Coruña a escala 1:2.500 do ano 1875 representábase o soar no que se ubicaba o pazo, indicándose que o edificio tiña unha altura duns 8,35 metros ata a cara inferior do teito do piso alto e unha superficie na súa planta baixa de 1.839 metros cadrados. No dito plano se facía constar a máis, que a fachada encontrábase en un bo estado de conservación e, pola contra, o embaldosado da rúa de San Andrés fronte ao edificio, só en regular estado.
Ocupaba esta casa unha posición moi salientada na esquina de dúas rúas; a de San Andrés que percorre en sentido lonxitudinal o istmo coruñés e a do Torreiro, que vencella a esta coa rúa Real, outra das máis antigas rúas da cidade e eixo de comunicación, tamén lonxitudinal, entre a cidade tradicional ou Cidade Alta ou Vella e o barrio da Pescadería.
As lonxitudes ou frontes da fachada eran duns 30 metros na rúa de San Andrés onde o pazo tiña a súa entrada principal e doutros trinta metros na rúa do Torreiro. A máis o soar urbano no que se ubicaba non estaba ocupado pola edificación na súa totalidade, xa que na súa parte interior tiña unha importante extensión de patio duns 40 x 21 metros, é dicir, 840 metros cadrados de superficie que estaban adicados á corte dos cabalos, entrada de carruaxes e servizos da mansión, dependencias que gozaban dun acceso directo dende O Torreiro a traverso dunha porta duns dous metros de largo entre dúas alas do edificio.
Segundo o historiador coruñés D. Emilio González López na súa obra «Galicia bajo las luces de la Ilustración»: «…en el siglo XVIII y en la Pescadería coruñesa se construyó en la Estrecha de San Andrés, el palacio del Marqués de Almeiras, que sirvió de cuartel general al mariscal francés Soult, los días que se detuvo en A Coruña, después de la derrota del ejército inglés de Sir John Moore en la Guerra de la Independencia.»
Por outra parte. D. Carlos Martínez-Barbeito y Morás no seu libro «Las Reales Proclamaciones en La Coruña durante el siglo XVIII» fai unha referencia de grande interese dende o punto de vista da descrición arquitectónica do edificio -ao non se conservar na actualidade ningún plano de planta do mesmo- relatando que o Rexedor (ou Concelleiro) D. Antonio Suárez de Mondragón, Marqués de Almeiras e capitán da Arma de Artillería, xunto con tamén rexedor D. Antonio María de Lago, foi o comisionado designado polo Concello para os actos e festas de proclamación de El-Rei Carlos IV, que tiveron lugar na Coruña no trascurso da segunda quincena de febreiro de 1789 (ano da Revolución Francesa), e que abriu o día 20 do antedito mes o seu pazo da rúa de San Andrés aos convidados a estes actos: «…por no resultar adecuada la humildad y exigüidad de las instalaciones municipales, ofreció un refresco al Ayuntamiento, a las autoridades y personas de representación en el palacio del Regidor Marqués de Almeiras, situado en la calle Estrecha de San Andrés y que, tras servir para distintos usos -cuartel general del Mariscal Soult, sociedades recreativas y culturales y establecimientos mercantiles- fue finalmente demolido hacia 1960.»
Segue describindo Martínez-Barbeito que: «En un salón de este palacio de treinta varas de largo (uns 25 metros), primorosamente iluminado y adornado con los retratos de la augusta rama de Borbón, desde su tronco, el gran Luis XIV hasta nuestros Soberanos, se sirvió un espléndido refresco a más de trescientas personas, acudiendo luego numerosas señoras que tomaron parte en un baile que alegraba una notable orquesta. Hubo helados, sorbetes y bebidas calientes durante toda la noche.»
Outro dos acontecementos memorables que nesta casa tiveron lugar foi que no mes de maio de 1866 e para celebrar o bombardeo do porto de El Callao (Perú) pola escuadra española comandada polo mariño pontevedrés Don Casto Méndez Núñez, instalouse no seu balcón un aparello de arco voltaico do que xurdiu o primeiro raio de luz eléctrica (anterior, xa que logo, en 24 anos, ao que no ano 1890 e xa con lámpadas de incandescencia instalouse para o alumeado do Teatro Principal, hoxe Rosalía de Castro) que viu a cidade da Coruña que alumeou a rúa de San Andrés nas proximidades do Pazo.
Non se coñece o nome do arquitecto que proxectou e dirixiu este edificio; nen mesmo a data da súa construción que se estima contra a primeira metade do século XVIII, máis a importancia do inmoble é sen dúbida grande, polas súas características de situación, capacidade e interese arquitectónico, ás que han de se engadir as circunstancias históricas ás que se aludiu e que amosan que era unha das construcións civís -senón a que máis- no seu tempo e que dentro do núcleo urbano coruñés de finais do século da Ilustración, tiña unhas condicións obxectivas que permitían o seu uso para satisfacer unha grande variedade de funcións; así foi residencia señorial nas súas orixes, sede das administracións militar (do exército francés de ocupación en 1809) e civil (nel estiveron instalados o Goberno Civil da provincia e a Deputación provincial no ano 1850, en locais alugados, antes de se trasladar ao novo Palacio Provincial da rúa Rego de Auga), sede de sociedades («El Casino Coruñés» e «El Liceo Brigantino»), establecementos comerciais (a Cooperativa Mercantil Civil y Militar), etc.; todos estes diferentes usos levados a cabo en axeitadas condicións de seguridade e comodidade.
No ano 1874 foi ofrecido o edificio ao Círculo de Artesanos que fora fundado en 1847, por a cantidade de 420.000 reais, máis non se puido reunir a cantidade esixida. Vinte anos máis tarde, dita Sociedade Recreativa e Instructiva volveu a estudiar o seu traslado ao edificio, e de novo tiveron que desistir, esta vez por un informe negativo dun arquitecto, sendo o prezo entón de 150.000 pesetas. Finalmente o inmoble foi adquirido pola Cooperativa Civil e Militar, S.M., que se fundara no ano 1891 por iniciativa dun fato de coruñeses que así adiantábanse a súa época para facer un economato co que obter vantaxosos prezos nos artigos de consumo.
A Cooperativa comezou vendendo comestibles para logo ampliar a tenda inicial con tecidos e confeccións, dispondo na súa última época de perfumería, droguería e comercio de artigos relixiosos. Á dereita da entrada da casa achábase a tenda de ultramariños, á esquerda a de roupa, e debaixo da escaleira estaba o almacén dos embutidos. Na parte traseira tamén foi instalada unha fábrica de chocolate e unha tafona ou forno de pan, que acadaou renomeada sona.
Ó remate da Guerra Civil a Cooperativa comezou a abrir varias sucursais pola cidade; na praza de María Pita, na rúa de Juana de Vega e nos Catro Camiños, editando un boletín de carácter mensual que se distribuía a tódolos seus socios.
Unha vez expostos os feitos históricos polos que pasou a ocupación do edificio, cómpre agora expor as súas características arquitectónicas.
A descrición do amplo salón de planta primeira ou principal duns 25 metros de longo, como se sinalou, e estimando que tivese un fondo duns 12 metros, daríanos para dita dependencia uns 300 metros cadrados de superficie que permitirían aloxar, xa que logo, coa maior folgura aquelas reunións e actos de tipo social ou representativo que en dito cuarto se celebrasen, como xa se dixo coa ocasión da celebración da coroación de Carlos IV, en febreiro de 1789.
Tamén se coñece que tiña unha importante escaleira imperial (de duplo desenvolvemento lateral que remata unha meseta alta) de granito, que comunicaba a planta baixa coa alta.
As referencias literarias e escritas ou emanadas da tradición oral son moi importantes xa que son as únicas que se refiren ao interior do edificio, e non foi posible achar ningún plano das plantas do mesmo, xa que, con toda probabilidade non se conservan hoxendía debuxos destas.
Os únicos documentos gráficos de que se dispón deste inmoble son dous, ámbolos relativos ao seu interior, e consisten nunha fotografía do mesmo tomada no ano 1945, dende a rúa Ancha de San Andrés e onde reflíctese a esquinada casa coa rúa do Torreiro, e no alzado da fachada principal á primeira das nomeadas rúas.
Este plano que permítenos coñecer o aspecto que tiña o edificio hoxe desaparecido está levantado polo arquitecto de orixe alavés e afincado na Coruña e que foi arquitecto municipal D. Juan de Ciórraga e Fernández de la Bastida, foi subscrito o día 5 de xuño de 1911, como plano da fachada actual desta casa, para formar parte dun Proxecto de Reforma da mesma encargado pola propiedade de entón (a Cooperativa Militar e Civil).
Na «Explicación» ou memoria do proxecto aludido faise constar que a fachada do edificio en estudo aínda que de sillería e de sólida construción, non respostaba aos fins da Sociedade Mercantil instalada no inmoble e co obxecto de atender este requerimiento, e tamén de amosar ao exterior o destino que se da ao edificio (interesante observación, engadimos pola nosa parte, que amosa un criterio que hoxe poderiamos cualificar de «funcionalista», é dicir, expresar coa súa envolvente exterior o novo contido e uso do edificio), pretendíase para maior axeitamento e representació no novo uso, levar a cabo nunha serie de reformas na fachada principal e nas cubertas da construción que entón estaban en moi mal estado de conservación.
Estes traballos de modificación e reparación consistirían de xeito principal en converter as dúas ventás centrais de planta baixa en portas de entrada a dous diferentes departamentos comerciais: os de víveres e perfumería, deixando a porta central para o seu acceso directo á escaleira que conducía á planta principal e tendo comunicación as tres portas exteriores que se sinalaban co vestíbulo común que existía no andar baixo.
Outras modificacións proxectadas consistirían en reducir a lonxitude e máis o vó do balcón, o tapiado de catro ventás do piso alto e o rasgado das luces que daban sobre as portas laterais dispoñendo nos ocos novos balcóns, así como reducir tamén o vó de cornixa cortándoa no seu centro para deixar espazo para dispor un tarxetón no que iría o título da Sociedade, e asímesmo en alzar en dita parte central un frontón ou peineta para a colocación dun reloxo.
Rematábase a «Explicación» sinalándose que se empregarían no muro da fachada existente os mesmos materiais que entraban na súa composición actual e, nas partes novas coma o frontón, fábrica mesta con revestimentos de cemento imitando á sillería de pedra.
A licenza para a execución das obras foi solicitada o día 26 de xuño de 1911 polo Xerente da Cooperativa Militar e Civil D. Francisco Ponte y Blanco. O arquitecto municipal D. Pedro Mariño sinalou no seu informe de data 31 de xullo de 1911 que as obras que se proxectaban facer en canto á fachada «constituyen una reforma de cierta importancia que cambiarían el aspecto del edificio», expresando tamén que o mesmo estaba suxeito a un novo aliñamento, tanto pola fachada principal como mesmo pola da rúa do Torreiro, ocupando unha situación onde o ensanche facíase xa moi necesario, ao se incrementar de xeito considerable o tránsito e dificultarse a circulación libre, sobre todo desde o establecemento do tranvía urbano (unha das liñas máis importantes do percorrido: San Amaro – Catro Camiños, discorría pola rúa de San Andrés fronte ao edificio do pazo).
Malia esta obxección de tipo urbanísitico (hai que ter en conta que o novo aliñamento a ámbalas rúas que conformaban a esquina foi recollido no Plano de Aliñamentos de 1949, con fachadas dos edificios asoportalados nas súas plantas baixas e concretouse logo nas construcións de vivendas e comerciais que substituiron á casa-palacio no ano 1961), o arquitecto municipal pronunciouse, en definitiva, pola concesión do permiso para a reforma solicitada, permiso que foi outorgado polo Concello o 9 de agosto de 1911.
Sen embargo, as obras que afectaban á fachada principal non foron levadas a efecto, limitándose soamente aos traballos de limpeza, encintado e tomado con cemento dos desconchados da fachada, pintando ademais as portas e ventás e colocando peches metálicos en dous dos escaparates do piso baixo, nunha intervención semellante ás disposicións hoxendía vixentes que obrigan aos propietarios a conservar as fachadas dos edificios nas axeitadas condicións de seguridade, limpeza e ornato público para acadar unha boa apariencia urbana.
O plano da fachada a escala 1:100 levantado en xuño de 1911, como representación do seu «estado actual», amósanos un edificio de dous corpos ou plantas de altura, con tódolos seus ocos (portas, ventás e balcóns) e elementos decorativos (molduras, cornixa, recercados, zócalo, etc.) que amosan precisamente unha sinxela pero sutil composición, cunha moi coidada xeometría e racionalidade, cun corpo baixo máis macizo con sete ocos e un segundo corpo ou piso alto con once vans, e xa que logo, máis leve e de meirande lixereza polo grande número de ocos de ventás e balcóns abertos na parede da fachada e a unha reducida separación entre os mesmos. A fotografía da que se dispón mostra que no corpo baixo realizáronse obras nos ocos que alteraron o aspecto orixinal da fachada en 1911, para converter as ventás de planta baixa en escaparates e vitrinas de exposición da Sociedade Cooperativa, abríndose ademais unha nova porta, facendo así que a planta baixe ficase con oito vans no canto dos sete primitivos.
A parte alta, polo contrario, non foi modificada segundo nos demostra dita fotografía ao comparala co plano. Soamente e de salientar neste corpo alto a colocación de dous soportes de ferro fundido ancorados na fábrica de sillería do muro da fachada para pendurar os puntos de luz eléctrica, soportes dun claro deseño modernista na súa variante estilística xeométrica ou ?sezessionista ? vienesa? e que incorpora ao elemento vertical suxeito á parede as gráciles curvas das que penduran o foco ou luminaria, enlazadas co ?petaso? (chapeu de copa baixa e con ás) e o ?caduceo? (vara ou cetro) atributos clásicos do deus Mercurio, que integrábanse á forma dun elemento funcional como simbólica representación da actividade comercial que se desenvolvía no interior do edificio na súa derradeira etapa de vida.
A fotografía amosa tamén dende o punto de vista no que foi tomada a esquina coa rúa do Torreiro cunha fachada lateral na que os ocos que nela abren son máis escasos tamén na planta baixa que na superior, e que ten a súa superficie recebada con morteiro de cal a nivel da rúa, mentres que o corpo alto tiña sillería de pedra á vista, o que viña a sinalar a menor importancia representativa desta fachada secundaria con claro descenso da xerarquía expresiva en relación co frente principal, xa que logo concretada na simplificación dos elementos decorativos e de remate superficial, xa que nesta parte do edificio situáronse na súa orixe as estancias de servizo do pazo, cortes dos cabalos, acceso de carruaxes e dos criados, etc., e era a zona que envolvía e separaba da rúa Torreiro o grande espazo libre ou patio central da casa.
E para rematar, hai que sinalar que este edificio de traza barroca tardía que chego ata os 200 ou máis anos de vida, quedou legalmente condenado a morte coa aprobación do Plano Xeral de Aliñamentos da Coruña de 1949, condena á desaparición por derrubamento que exactamente foi executada unha década máis tarde, xa que a finca foi mercada por unha empresa de negocios inmobiliarios no ano 1958, levándose a cabo a total demolición do histórico edificio en febreiro de 1959, construíndo no seu solar un edificio de sete plantas para vivendas, oficinas e comercias coa planta baixa asoportalada, e que foi proxectado polos arquitectos Sres. Rey Pedreira e González Cebrián, subsistindo ainda na actualidade e que foi comezado o 20 de xuño de 1959 e rematado o 18 de marzo de 1961.
A Sociedade Cooperativa amosou o seu interese por conservar a fachada de sillería e ofreceulla ao Concello da Coruña pero o repentino pasamento do alcalde D. Alfonso Molina Brandao a fins de novembro de 1958 en Brasil, botou para abaixo a idea do seu posible traslado á Cidade Vella, na Praza de Azcárraga, como se tiña entón falado.