Con este artigo do arquitecto Miguel Silva Suárez iniciamos a edición neste blog dunha serie que, sobre arquitectura desaparecida na cidade da Coruña, ven publicando no noso boletín cultural desde o ano 2001. Este, o primeiro, foi publicado en xaneiro dese ano.
Estaba situado no número 18 da rúa do Parrote, facendo esquina ao Paseo do mesmo nome, fronte onde estivo ubicada a antiga Cárcere Real, hoxe o complexo hosteleiro e de ocio «A Solana» e «Hotel Finisterre», a carón do edificio da Capitanía Xeral.
Foi a antiga casa-pazo do Conde de San Román, e dende a desaparición no ano 1870 das casas sitas na Porta Real, ata o ano do seu derrubamento, 1936, o único edificio gótico de arquitectura civil que houbo na Coruña.
As súas orixes están a fins do século XV e se sabe que foi a sede da Intendencia Xeral de Galicia dende que foi creada esta institución no ano 1716. Consérvase no Arquivo do Servizo Histórico Militar un debuxo dunha das súas fachadas realizado a mediados do século XVIII, debuxo que foi reproducido en varios libros, entre istos, na Xeografía do Reino de Galicia de Carreras Candi, sendo a representación gráfica do edificio máis antiga da que se dispón.
Logo foi a casa señorial do Conde Maceda e no ano 1882 sede do Asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados establecidos nesta data na Coruña, ata que se trasladaron ao novo edificio proxectado polo arquitecto D. Juan de Ciórraga na rúa de Adelaida Muro sobre 1898. No ano de 1883 a recén inaugurada institución caritativa foi visitada pola raíña María Cristina esposa do Rei Alfonso XII, con gallo da inauguración do camiño de ferro Palencia-A Coruña, e concedeu ao asilo un importante donativo en metálico e mesmo pagou a instalación dunha cociña para o servizo dos alí acollidos.
No tempo no que o edificio foi derrubado pertencía ós Vizcondes de Fefiñáns que ostentaban tamén o condado de Maceda.
Segundo o arqueólogo D. José María Luengo Martínez o edificio coñecido como a Casa Gótica era excepcional e belísimo e o máis importante da provincia coruñesa dentro do estilo oxival de finais do século XV. Tiña unha planta de forma rectangular e con tres andares de altura na rúa do Parrote, con soportais no baixo de cinco arcos rebaixados que foran cegados mediante o tabicado dos vans correspondentes. Sobre este corpo de planta baixa había unha ampla solaina con arcos iguais aos anteriores e que tamén foron cegados. No terceiro corpo ou andar abríanse sete fiestras, dúas delas xemelgas cos seus arquiños conopiais. O conxunto desta fachada dividíase en cinco eixes de simetría, separados por columnas adosadas. Ao lado esquerdo do corpo antes descrito erguíase a torre, pouco máis alta que o resto da construción, tamén sobre unha planta rectangular; a súa fachada lateral constaba dun corpo baixo porticado, con dous arcos apuntados equiláteros ?algo máis alto o do lado esquerdo- que se sustentaban sobre impostas molduradas, que así mesmo foran tabicadas, e enriba á esquerda levaba un escudo de armas protexido por un tornachuvias. Nos outros dous corpos altos, non dispostos a eixe, había sendas fiestras; a do primeiro andar alintelada e a segunda cun arco rebaixado. A fachada que facía fronte ao Paseo do Parrote tiña na súa planta baixa un arco apuntado que coincidía cos outros dous do pórtico, aínda que era máis baixo que istos, e unha portada, de arco rebaixado, que semellaba reformada, seguía un entrechán con dúas fiestras. No seguinte andar abríase unha fiestra alintelada con tornachuvias e, no último, outra alintelada tamén co seu arco de descarga.
A súa altura era duns once metros ata a casa inferior do último andar, e tiña una superficie en planta baixa de 289,20 metros cadrados. No ano de 1874 o seu estado de conservación estaba xa cualificado de ruinoso.
No mes de setembro de 1925 o arquitecto D. Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, redacta un proxecto de reforma da planta principal da casa número 18 da rúa do Parrote e na que se pretendían executar lixeiras reformas para formar dúas vivendas independentes no que naquel tempo era unha soa.
Grazas ao citado proxecto é posible ter hoxendía unha imaxe gráfica da fachada constituida polos planos arquitectónicos do edificio na derradeira etapa da vida da casa antes do seu derrubamento e desaparición.
No plano de planta da reforma pódese observar que as dúas partes da edificación orixinal, a torre e o edificio da rúa do Parrote, uniránse para formar unha vivenda, se ben conservando as escaleiras de comunicación vertical que correspondían a cada unha das partes que en principio eran independentes, diferenciadas e xa que logo, con accesos separados.
Se coñecen tamén planos das plantas baixas e principal, con toda probabilidade do ano 1935, no que se proxecta unha nova organización espacial do interior do edificio, cunha única escaleira para servir ás dúas vivendas da planta baixa, e dispoñendo en dito nivel unha vivenda e dous garaxes na zona da torre da esquina.
Nembargantes, ningunha das obras proxectadas que se describiron chegaron -polo que se coñece- a realizarse, e, pola contra, no mes de setembro do ano 1935 redáctase o proxecto dunha construción enteira de nova planta, de baixo e catro andares, con dúas vivendas por planta no solar resultante do derrubamento da casa número 18 da rúa do Parrote, na planta correspondente ao Paseo da Dársena e do Parrote, e en decembro do mesmo ano se confecciona o proxecto doutra casa para baixo e catro andares cunha vivenda por planta, no solar que ficaría baleiro logo do derrubamento da casa número 18 da rúa do Parrote, adosada ao número 16 de dita rúa.
Por unha carta do arquitecto Sr. Rodríguez-Losada Rebellón, proxectista do novo edificio, carta datada o 28 de novembro de 1935, sábese que «a casa antiga» como en dito documento se denomina ao pazo dos Condes de Maceda, estaba entón en moi mal estado, aínda que non comezara o seu derrubamento.
A nova da próxima demolición da Casa Gótica provocou un grande escándalo provocou un grande escándalo entre a «xente culta e sensible» e a Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos comezou a actuar de contado, xa que, de feito, o edificio vendíase por unha cantidade dunhas 60.000 ptas., tratando dende o 6 de decembro de 1935 que a Deputación Provincial e o Concello, a partes iguais aportaran dita cantidade, para que unha vez mercada a vella casa, o Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes arbitrara os fondos necesarios -que se estimaron nunhas 25.000 pesetas- para atender aos gastos da súa restauración co propósito de que instalase no edificio o Museo Provincial de Arqueoloxía e Belas Artes, do que tan necesitada estaba a cidade, xa que, por entón, era a única capital galega que carecía del.
Malia as laboriosas xestións levadas a cabo durante todo o mes de decembro de 1935 e xaneiro de 1936, pola citada Comisión Provincial de Monumentos, e as boas promesas e esperanzadoras palabras das autoridades responsables da provincia e da cidade, e mesmo o forte impacto social que causou nos medios culturais o anuncio do derrubamento de contado do seu máis estimado exemplar da arquitectura civil -único de tal antigüidade, século XV-, as obras de derrubamento ao abeiro das correspondentes autorizacións municipais, deron comezo o día 15 de febreiro do ano 1936, e aínda que suspendidas provisoriamente a finais dese mes polo Alcalde, foron logo continuadas polo contratista D. Hilario Herranz Sacristán, que ao cabo rematou completamente os traballos de demolición nos primeiros días de marzo de 1936.
A polémica e o debate social suscitado pola demolición do máis sobranceiro monumento arquitectónico de carácter civil da Coruña durou a través do longo período de construción dos dous novos edificios que o substituíron no seu privilexiado emprazamento, xa que pola circunstancia da coincidencia deste proceso coa Guerra Civil española, comezada en xullo de 1936, este non rematou ata logo de concluida a mesma, xa a principios da década dos anos corenta.
Nun terreo anecdótico, o derrubamento da Casa Gótica, foi coñecido durante moito tempo como «O Atentado» e o arqueólogo e historiador coruñés Ángel del Castillo denegou o saúdo -co que esta descortesía entón representaba- ao arquitecto das novas obras o Sr. Rodríguez Losada, que era curmán do propietario.