Parece ser que o primeiro inquilino involuntario desta prisión foi, en 1686, o torreiro Gómez Catoira por non exercer debidamente as súas obrigas, consistentes no encendido do farol da torre de Hércules, e sí cumplir coa súa devoción, que non era outra que a malversación de fondos.
Como resulta evidente un museo que ocupa un edificio histórico, como un castelo, non so acolle pezas de maoir o menor interese, como iremos describindo neste blog. Tamén ten historia. O artigo que reproducimos a continuación foi publicado por Xesús Baños no Boletin da Asociacion.
O castelo de San Antón foi prisión política e militar, na que penaron importantes persoeiros como Malaspina e das que imos facer un breve relatorio.
Dramática foi a cadea de Gaspar Enríquez Sarmiento Sanjurjo de Valladares, que a mediados do século XVIII, ocupou un dos calabozos ao ser acusado, en unión da súa nai, do asesinato do seu pai, o marqués de Valladares, e que se deixou morrer de fame.
En 1813 ocupou unha celda da prisión Antonio de la Peña, director da publicación «El Ciudadano por la Constitución». De 1814 a 1815 pasou polo cárcere coruñés o intelectual liberal vasco Agustín de Foronda. En 1824 foron detidos Juan Antonio de la Vega, pai de Juana de Vega, marquesa de Espoz y Mina, e Juan Esteban Lozano de Torres, ministro de Fernando VII, a quen se lle conmutou a pena de morte polo desterro a Astorga.
En 1823 prodúcese o episodio máis sanguento da historia da prisión, pois cincuenta absolutistas son asasinados a coitelo e os seus corpos botados ao mar.
Voluntario foi o encerro do Xeneral Francisco Puig Semper que tras negarse a reprimir o pronunciamento de Solís contra Mendizábal en Ponte Sigüeiro (1846), presentouse na porta do castelo para a súa detención.
En 1866 son enviados ao castelo de San Antón os prisioneiros da embarcación Maule, capturados durante a guerra que España mantiña con Chile e Perú. Dous anos despois foi detido o marino liberal Manuel Pereira.
Movida resultou a estancia, entre 1902 e 1903, do bandoleiro Mamed Casanova, «Toribio», natural de Grañas de Sor, do que se dicía nunha copla popular: «A Mamed lo persigue la Guardia Civil, pero el bandolero, conoce el país». Logo de ser condenado á pena de morte, recibe en San Antón a nova da conmutación da pena pola cadea perpetua e do seu traslado a Valencia.
Aínda que os nomes que nos resultan máis coñecidos son os de Villarroel, Macanaz, Malaspina ou Porlier.
O xeneral Antonio de Villarroel, primeira personalidade de renome que sufriu cadea en San Antón, era o xefe militar encargado da defensa de Barcelona ao remate da Guerra de Sucesión, entre os partidarios do rei Felipe V (Castilla, Francia) e do arquiduque Carlos (Cataluña, Aragón, Inglaterra, Holanda). A cidade foi rendida o día 11 de setembro de 1714, logo dun asedio de trece meses, e entregada ao duque de Berwick, xeneral do exército borbónico. Como lembranza desa data, o 11 de setembro, celébrase a Diada, festa nacional de Cataluña. Villarroel permaneceu no castelo de San Antón entre os anos 1716-19 e logo foi trasladado ao Alcázar de Segovia, cidade na que terminaría por establecerse, cobrando un retiro concedido polo emperador Carlos VI de Austria.
Logo tocoulle a vez a un destacado político ao servicio do rei Felipe V, Melchor de Macanaz, do que foi Secretario particular, víctima dun longo proceso que acabaría cos seus ósos en San Antón, magníficamente contado nunha obra de Carmen Martín Gaite, «El proceso Macanaz», e a quen debemos, entre outras cousas, a creación da Biblioteca Nacional,
Macanaz, férreo centralista, partidario de reformar a Administración do Estado, a Inquisición e as relacións entre a Igrexa e o Estado, así como de primar as regalías do soberano, foi destituido de todos os cargos cando un informe secreto sobre esta cuestión foi parar ás mans da Inquisición. O seu desterro en Francia durou trinta e catro anos, durante os que escribiu incansablemente. Trala morte de Felipe V, foi nomeado por Fernando VI como Plenipotenciario no Congreso de Breda pero caído novamente en desgracia é recluido no castelo de San Antón en 1748. Gracias ás influencias de destacadas personalidades, como o Marqués de la Ensenada, foi trasladado ese mesmo ano ata o cuartel de San Francisco (coñecido despois como cuartel de Macanaz), onde permaneceu ata 1760; ese ano é liberado por Carlos III, cando contaba case noventa anos de idade.
Dáse a triste circunstancia de que o seu neto Pedro de Macanaz, Ministro de Gracia y Justicia con Fernando VII, en 1814, tamén sufriu cadea na fortaleza no ano 1822 por un delito de suborno.
O máis ilustre dos presos de San Antón, foi o marino e político italiano Alessandro Malaspina, que estivo ao servicio dos reis Carlos III e Carlos IV, responsable da máis formidable expedición científica da historia española, equiparable ás viaxes de Cook. Entre os anos 1789 e 1794, a expedición Malaspina vai percorrer os máis importantes portos da costa occidental americana, entre Cabo de Hornos e Alaska (Valparaíso, El Callao, Acapulco, Nutka…), logo de ter recalado previamente en Montevideo, Buenos Aires ou nas Malvinas. A derrota continuaría logo polas Marianas, Vavao, Manila, Sidney…
Malaspina decatouse da necesidade de acometer importantes reformas para evitar o desmembramento do Imperio Español en América; propúxolle ao rei Carlos IV algunha das súas solucións, sendo acusado polo ministro Godoy dun complot contra o Estado, e logo dun xuízo inxusto foi condenado a presidio.
Entre abril de 1796 e decembro de 1802 os muros da fortaleza acolleron a Malaspina e se non cumpliu a totalidade da pena imposta, dez anos e un día, foi porque se lle conmutou pola pena de exilio, gracias ás xestións do conde Melzi e de Napoleón Bonaparte.
Durante o seu cativerio Malaspina vai padecer a humidade e o frío do castelo, recluido na santabárbara da dereita, segundo se entra no patio, así como unha mala alimentación, responsable das doenzas de escorbuto e de beriberi que vai sufrer, pola carencia das vitaminas C e B, e que, paradóxicamente, combatera con eficacia na súa viaxe. A pesar destas penalidades a causa da súa morte non se derivou destas enfermidades, senon que vai falecer, en 1810, por mor dun tumor de colon.
A súa cadea só se vai ver aliviada pola relación de confianza que mantiña co gobernador do castelo Manuel Ochoa, co Marqués de Mos, e co capelán da fortaleza, que incluso chegou a cederlle as súas dependencias. Tan fascinante debía de ser a personalidade do prisioneiro que a pesar da prohibición permitíuselle pasear polo castelo, recibir correspondencia, e facilitáronselle libros para a súa lectura. Dada a situación política existente en España naquela época, resulta pouco probable que fose visitado por Alexander von Humboldt, na partida da súa expedición científica a América do Sur o 5 de xuño de 1799, xa que a pesar de ser sabedor de que Malaspina estaba preso no castelo, seguramente non intentaría entrevistarse con él para non poñer en perigo a partida da súa viaxe.
O último inquilino ilustre da fortaleza foi o Mariscal Juan Díaz Porlier, «O Marquesito». Este militar, nado en Cartagena de Indias, participou con dezasete anos na batalla de Trafalgar e logo tivo unha destacada actividade guerrilleira contra os franceses durante a Guerra da Independencia, acadando o grao de coronel. Tras abrazar as ideas liberais foi condenado a prisión no castelo de San Antón en xullo do 1814. Por motivos de saúde foi parar ao balneario de Arteixo, onde ideou o pronunciamento liberal do 18 de setembro de 1815, facéndose co control da cidade da Coruña. Marchou logo cara a Santiago pero foi traicionado, detido e trasladado ao castelo de San Antón. Logo duns días, nos que ocupou a primeira celda do patio, no seu lado dereito, foi levado ao Cárcere Real e o día 3 de outubro de 1815 aforcado no Campo da Leña (chamado tamén Campo da Horca).
No ano 1960 o castelo de San Antón deixou de ser prisión e o Museo Arqueolóxico inaugurouse no ano 1968. As casamatas do patio, antigas celdas, albergan agora as coleccións de escultura medieval e de heráldica.